mércores, 9 de agosto de 2017

Adriana Rostán, pintora de miniaturas e pintora de cámara #MulleresArtistas #MujeresArtistas

Adriana Rostán "A Grega". Pintora de miniaturas, pintora de cámara, tamén coñecida como Adriana Dufour e co alcume de "A Grega". Asinaba algúns dos seus cadros coas iniciais A.R.

Adriana Rostan ou Dufour era filla dun diplomático español, que debido a circunstancias do seu destino, nacería en Grecia. De alí vén o seu alcume que fai referencia ao seu país de nacemento. O feito que o seu pai fose diplomático tamén explicaría a súa relación próxima coa realeza. Era curmá do especialista e impulsor da cultura helenística en España  e tamén  editor  barcelonés Antoni Bergnes das Casas. Antoni Bergnes tivo ademais unha estreita relación co  seu primo Ramón Dufour, que posuía unha imprenta na zona do Rosellón, en Francia.

As primeiras noticias que temos dela, remóntanse a 1831, cando a pintora obsequiou á Raíña cunha  palma de cera dedicada á Princesa de Asturias con motivo do día de Ramos, agradecéndolle a súa maxestade o agasallo recibido. Xa nesta data debería ser coñecida polas súas aptitudes pictóricas xa que a cualifican como notable pintora.

Neste primeiro período, exerceu de profesora de debuxo no colexio Loreto de Madrid e co tempo, a súa fama iría aumentando como retratista, executando numerosos retratos da alta sociedade madrileña.


Foi nomeada pintora de Cámara, polo que a Raíña Isabel II lle comisionó para que  se comprometese a realizar dúas miniaturas cada ano.

En 1858 atopábase traballando, con taller propio, no novo e majestuoso Establecemento fotográfico dos señores Alonso Martinez e irmán que acababan de inaugurar en Madrid. A pintora era a responsable da sección de pintura, executaba os retratos en miniatura e retocaba as fotografías á acuarela.

A única vez que consta rexistrada  participando nunha mostra oficial foi na Exposición Nacional de Belas Artes de 1858 cando presentou as copias en miniaturas do Cristo de Velazquez, A Virxe da Coroación de Murillo e A Perla de Rafael, todas da colección  da Raíña. Pola súa cuarta obra, Un retrato en miniatura, foi galardoada cunha mención honorífica.

Este blog forma parte do proxecto Artistico-Divulgativo de Lucía Blanco García para Lever du Soleil

Ningún comentario:

Publicar un comentario